miércoles, 30 de abril de 2008

La Voz de Galicia, 30/04/08

O Lesende logra o ansiado ascenso tras vencer ao Bealo na Lomba

Un gol de Hugo aos 20 minutos deu os tres puntos aos de Lousame nun campo cun cheo absoluto





O Lesende acompañará a próxima tempada ao Crocha na súa travesía pola Segunda, logo de vencer pola mínima (0-1) no feudo do Galicia de Bealo. Un gol de falta directa lanzada desde un lateral por Hugo serviu aos de Fonsi para lograr o ansiado ascenso.

O choque, disputado na Lomba, que rexistrou un cheo absoluto, seguiu o guión establecido por ambos os contendentes. Os locais, sabedores de que o empate lles valía para subir, saíron a contemporizar o xogo e a aproveitar os ocos que puidesen deixar os lousamianos en defensa. Pero todo veu abaixo aos vinte minutos de xogo. Hugo saca unha falta desde un lateral e o balón entra axustado ao segundo pau da meta defendida por Roberto sen que ninguén chegase a tocar o esférico.

A partir de aquí, os de Boiro cambiaron o chip. A posesión do coiro pasou a ser do Bealo, que empezou a merodear a portería defendida por un Juan Manuel, que resultou vital no partido, xa que salvou tres man a man ante os dianteiros locais.

Balóns ao área

Os boirenses atacaban máis co corazón que coa cabeza. Os xogadores do Bealo limitábanse a abusar dos balóns aéreos para ver se Raúl e Edu conseguían equilibrar o choque, pero a defensa visitante defendíase con orde.É máis, os dianteiros do Lesende tiveron dous contragolpes moi claros no segundo tempo para finiquitar o partido, pero Alberto Rial de forma incomprensible non os aproveitou. No primeiro, o coiro saíu por encima da portería logo de driblar ao cérbero. No segundo, e tras romper o fóra de xogo, plantouse diante de Roberto e a súa vaselina saíu desviada. Ao final, o Lesende mantivo a súa vantaxe no marcador.

Galicia de Bealo: Roberto, Mauri, José, Beni, Joni, Roberto, Juan Ramón, Sergio García, Sergio Vidal, Edu e Raúl. Tamén xogaron Carolo, Óscar e Machada.

Lesende: Juan Manuel, Chicho, Pana, Roberto, Juanma, Bernabé, Felipe , Julio Lago, Alberto Rial, Hugo e Fran. Tamén xogaron Ángel , Álex, Jorge e Miguel.

1 comentario:

Anónimo dijo...

SABADO 31 GRAN CEA... A PARTIR DAS 7 DA TARDE EN CABANETAN...ACUDIDE TODOS